As dornas de Porto do Són

«O mar tén un grande atractivo prâs xentes do interior. É pra elas algo lonxano, cheo de poesía, que fala fondamente ô seu sentimento, espertando n-iles unha saudade estrana de cousa non coñecida»

Corría o ano 1934 cando o ourensán Xaquín Lorenzo -quizais o máis importante etnógrafo que ten dado a nosa terra- chegou a pasar uns días a Porto do Son. Evidentemente, o gran Xocas non puido e non quixo desaproveitar a ocasión para facer un estudo dos modos de traballo e de vida dos mariñeiros locais.

Estamos ante un traballo feito con vontade científica, e co ánimo de deixar rexistro dunha actividade que esmorecía ante a rápida introdución dos métodos de pesca modernos. Lorenzo tivo, pois, a capacidade de valorar a importancia cultural dunha tradición condenada a desaparecer:

«O momento é crítico: a punto de desaparecer unha chea de costumes i embarcacións típicas, aixiña non serán mais que unha lembranza na mente dos vellos mariñáns, que nas mañáns soleadas do inverno contarán aos netos as súas andanzas naquelas embarcacións en que ollaban a morte cara a cara tantas vegadas. A dorna (o xeito, a traiña) van chegando ao remate da súa vida. Vense desprazadas pol-os motores de explosión e o seu campo de acción vaise limitando.Non é de lamentar a sua perda, sempre que esta siñifique un progreso, mais coidamos que istes documentos populares deben ser coidadosamente estudiados: teñamos en conta que ilas forxaron a alma arriscada e valente dos nosos mariñáns»

dorna2

Ata aquel intre, pouco ou nada se tiña estudado da cultura mariñeira na nosa terra. Neses poucos días pasados no Son, Xaquín Lorenzo achegouse aos mariñeiros, entrevistounos, observou o seu traballo, tomou apuntamentos e fixo unha morea de debuxos das súas embarcacións e aparellos. Pouco tempo despois, publicaba un breve mais fermoso artigo na Revista Nós no que falaba da pesca con dorna dos mariñeiros sonenses. Hoxe en día, aquel traballo de campo do gran estudoso ourensán é unha xoia valorada como un dos grandes textos que nos falan da cultura mariñeira.

«A dorna siñifica o paso da pesca familiar ao cooperativismo; é propiedade de unha sola familia, mais pra tripulala precísanse tres homes e un rapaz; non sendo fácil atopalos n-unha mesma familia unicamente, os propietarios facilitan a embarcación pra que outros tres o acompañen; chegada a hora de repartir o produto da pesca, tanto perciben uns coma outros, non tendo o propietario outra ventaxa que a de tripulal-o barco en calidade de patrón. Así pois, a dorna resolve o problema aos pescantíns probes, que de outro xeito non poderían adicarse á pesca de mar adentro con certa intensidade»

Xa temos, pois, a tripulación dunha embarcación emblemática nas rías galegas. O texto de Lorenzo describe de xeito exhaustivo a fisionomía da embarcación e dos seus aparellos. A dorna, orgullo das nosas costas durante tanto tempo, está feita de madeira de piñeiro, agás a quilla, que é de sobreira ou de carballo. Ten en torno aos cinco metros de eslora, a quilla moi pronunciada e a popa erguida. Ten unha sola vela central pendurada dun mastro que vai enganchado no carro, que permite inclinar ou erguer o mastro á vontade. A vela é cadrada e de dimensións variables dependendo de onde traballe o barco e do tamaño do mesmo. A dorna tamén leva seis remos para os días de pouco vento.

«Unha dorna grande, con todol-os seus aparellos custa arredor de 1.000 pesetas, sendo pequena, 100 pesos. Cando un pescador adquire unha dorna, nova ou non; o primeiro que fai é mandala benzoar; logo, precura os tres compañeiros que lle fallan e lánzase a mar.»

A xornada no mar dos mariñeiros do Son que traballaban en dornas podía durar ata dous días. Os mariñeiros vestían xa daquela un traxe especial para a auga, que confeccionaban na mesma vila. En inverno levaban chaquetón de pana. Os máis acomodados podían permitirse mercar unhas botas de auga. A relixiosidade dos mariñeiros está tamén moi presente:

«Ao sair do Porto do Són e pasar enfrente da capela da Atalaia, na beira do pobo, rezan os pescadores unha salve á Virxe; e anque algún non a rece por fora, como diría o noso informador, rézaa por dentro»

Os patróns das dornas coñecen á perfección o contorno da ría na que traballan, e onde adoitan estar os mellores bancos pesqueiros. Cando chegan ao punto elixido comezan a traballar. O peixe capturado bótase no cubichete, e vaise mollando para que non se estrague . As mellores horas para a pesca eran, polo xeral, a alborada e o solpor. Ao mediodía, os mariñeiros descansan e tamén fan a comida, sempre caldeirada, unha receita que pasou dos humildes barcos as mesas máis requintadas.

«Ao mediodía, preparan os mariñeiros o seu xantar, a típica caldeirada, peixes de varias castes, do tamaño das sardiñas, pol-o xeral, e patacas, cocido todo en auga do mar e revolto logo con allada»

Os elementos para facilitar a navegación eran moi sinxelos. Unha luz branca para deixarse ver na noite. Unha corna para avisar da presencia da nave os días de brétema e un libriño de notas que levaba o patrón, chamado “derroteiro”.

Os mariñeiros están sempre alerta ante as posibles circunstancias adversas que no mar sempre poden xurdir. É o caso das avarías como a rotura do temón, do mastro ou a quilla. Ante o naufraxio cómpre non perder a calma. Antes de existiren os medios modernos de salvamento, o que facían os mariñeiros era axitar unha camisa ou trapa e agardar a que outra embarcación acudira ao rescate. Nesta altura (anos 30 do século XX), en Porto do Son, cando no porto notábase a falta dalgunha embarcación, saían na súa procura nun barco de motor.

«Aquí tendes a vida monótona e chea de resgos dos mariñeiros de Porto do Son, vida da que iles están contentos deica non admitiren comparanza coa dos galegos de terra adentro. A incertidume da súa vida, sempre por riba das augas traidoras dá a istes homes un espírito xeneroso e un amplio concepto da vida e das súas pasións. O mar é para iles berce e tumba e n-il transcurre a súa vida toda»

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *